O Centro Comercial Aberto de Foz repartiu o sábado pasado 1.000 euros en premios, no sorteo presencial realizado diante do Concello durante un descanso da actuación do grupo local Sons Varadero. O sorteo enmarcouse nas actividades desenvolvidas no programa da IV Festa Vintage, que tivo lugar durante a pasada fin de semana. Todas aquelas persoas que realizaron as súas compras no comercio focense asociado os días 23 e 24 puideron cambiar os seus tíckets para participar neste sorteo o mesmo sábado entre as 12 e as 14 horas e de 17 a 20:30 horas na mesma carpa. O premio de 500 euros, en vales de compra, foi para Carmen Moreda; e os vales de 100 euros foron para Carmen López, Rafael Rodríguez, Mari Carmen Amor, Pedro Rivadulla e María Luisa Rivadulla. O encargado de entregar os agasallos aos afortunados e afortunadas foi o vicepresidente da Acia focense, José Ginzo. No sorteo tamén estiveron presentes Celia Núñez, vocal de Acia/CCA de Foz, e o presidente, José Carlos Paleo.