A concelleira de Muller, Mercedes González Alonso, xunto co presidente do CCA-ACIA de Foz, José Carlos Paleo, fixeron entrega hoxe, martes, do premio á gañadora da edición deste ano do concurso O que nunca che dixen, que ten como obxecto dedicarlle unha fotografía, un comentario, un debuxo, un poema, etcétera a unha muller.

A gañadora foi Salma López Franco, de 15 anos e veciña de Fazouro (Foz), quen lle dedicou á súa nai unha fermosa composición de fotografía e texto poético. Recibiu un vale de 100 euros para utilizar nos establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto focense.

Mercedes González agradeceu a participación a todas as persoas que enviaron mensaxes moi tenras a través das redes sociais así como ao CCA-ACIA de Foz, por colaborar un ano máis con este concurso, no que participou xente de idades comprendidas entre os 8 e os 41 anos, tanto de Foz como doutros concellos.